Un ano máis, e xa van alá nove, Brinquedia logrou convocar a centos de nenas e nenos, familias e persoas interesadas arredor do xogo tradicional. Para elo, este ano contamos coa inestimable colaboración da Asociación Ponte … nas Ondas!
Nesta ocasión, o Encontro desenvolveuse nunhas impecables instalacións, o Centro de Estagios, cedido xentilmente pola Cámara de Melgaço. Vaia por diante o noso agradecemento á Vereadora de Cultura, quen puxo á nosa disposición todo o seu equipo material e humano: obrigados! Así mesmo, unha lembranza especial a Marcos e Igor, que nos acompañaron durante cada minuto no desaenvolvemento deste Encontro.
Eran as 9:30 en Portugal cando empezaron a chegar os centros educativos participantes e o campo de xogos xa estaba parcelado e asulagado dos xogos da mañá, grazas ao traballo incansable do alumnado-voluntariado do CIFP Ánxel Casal de A Coruña. Obrigados tamén a eles e ás súas leais profesoras.
Nesta edición contamos coa participación de alumnado de CEIP Mosteiro de Caaveiro (A Capela), CPI de San Sadurniño, CEIP Isaac Peral (Ferrol), CEIP Ricardo Tobío (Muros), CEIP Bouza Brey (Ponteareas), CEIP Ría de Vigo (Vigo), CEIP Esteiro (Ferrol) e IES Indalecio Prieto (Tui). Asemade, tomaron parte nenas e nenos das freguesías pertencentes á cámara de Melgaço.
Unha hora máis tarde empezouse a desenvolver o rico programa matinal con, trinta xogos divididos en dúas quendas de 15.
Ao remate das actividades da mañá, Xosé López e Jose Manuel Rodríguez (Pepe e Manolo para os amigos e coñecidos), os responsable do Obradoiro de Enredos, presentaron a súa derradeira publicación: “Xoguetes Naturais. Argalladas dos pícaros. Outono-Inverno”, publicada pola Editorial Ouvirmos. Para o acto contamos coa presenza do seu editor, X. M. Aldea e coa sempre grata presentación dun mestre do enredo, Antón Cortizas.
Xa pola tarde, despois de repoñer forzas á sombra dun fermosos piñeiral, continuouse coa exhibición de xogos e deportes tradicionais tanto de Galicia como de Portugal e coa conseguinte participación de nenos e familiares dos mesmos.
Sobor das 16:30, sempre hora portuguesa, fomos poñendo peche coa entrega de agasallos a participantes e colaboradores, agradecendo a súa participación e convidándoos para a seguinte edición.