Un ano máis

UN ANO MÁIS!

Xogando ao trompo. Ventosela, Redondela 1983, Félix Cal

Rematado practicamente 2022, ano de reinicio despois de dous ancorados nun tempo que nos serviu de reflexión, o mundo do xogo tradicional retomou as súas iniciativas para que todo volvese parecer como antes. Neste final de ano, Brinquedia convocou a todo o alumnado de Galicia para que o 11 de novembro, Día do Peón, volvesen xirar en prazas, parques, patios, rúas, camiños, corredoiras e canto lugar fose acaído ese brinquedo que cada outono fai as delicias de pequenas e pequenos, e non tan pequenos! O acto central celebrouse en Brión, na carballeira de Santa Minia. Un evento que tivo como actores e actrices a máis de setecentos alumnos dos centros educativos de Brión, Os Ánxeles e Bastavales que, acompañados polo profesorado, fixeron xirar peóns e bailaretes para deleite dos alí presentes. E extendeuse ata Euskal Herria pasando polo plató do Luar da TVG, hospitais, residencias e casas particulares.

Mais, antes de que o San Martiño chamase á nosa porta para lembrarnos de que era hora de que os peóns invadisen os camiños, Brinquedia participou na I Olimpíada de Xogos Tradicionais Intercentros que se celebrou en Boiro, e no programa Convivir Deportivo da Radio Galega. Ademais, man con man cos demais membros e entidades que forman o Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego, colaboramos en toda canta iniciativa que alí nacese. Así, participamos e, xuntamente co Consello da Cultura Galega, fomos quen de elaborar un proxecto interactivo, con versións web e app, de 50 xogos que podemos descargar para os nosos móbiles e demais trebellos tecnolóxicos. Unha forma de amosar que a tradición non é cousa do pasado nin está pelexada co presente e menos lle ten pechadas as portas ao futuro.

Tamén co Observatorio, e como consecuencia desa situación inesperada que vivimos desde a primavera do 2020, puxemos a disposición de todas e todos vos un catálogo de xogos tradicionais galegos na web www.xogostradicionais.gal para practicar desde casa todo ese tempo de confinamento. Paralelamente, un grupo de profesionais da educación crearon www.aulasgalegas.org, unha páxina cun conxunto de recursos para que as cativas non deixen de aprender. Pensamos entón que se de aprender se trata, os xogos, fonte de aprendizaxe de moitas xeracións, non debían faltar nese novo portal. O recibimento foi de tal magnitude que a cousa non quedou aí e imaxinamos que todo ese traballo impreso en papel contribuiría a unha mellor visualización e espallamento. Foi así como coa impagable axuda da Deputación de Lugo o grupo conseguiu poñer no mercado un fermoso libro que leva por título “Xogos tradicionais galegos para tempo de recollida”. Unha ferramenta máis para toda aquela xente que coma nós, acredita que… xogar non é perder o tempo!

As moradoras e os moradores deste curruncho bañado por un océano que nos identifica temos moito do que sentirnos orgullosas. Foi alá polo comezo do presente século cando un grupo de soñadoras e soñadores deulles por fundar unha rede galega do xogo tradicional, Brinquedia, un lugar de encontro. E despois de máis de vinte anos, aquí seguimos, procurando que ese soño non se converta en sono!

Por un 2023 cheo de xogo e ilusión!

trompa

Xogando á trompa. Santa Minia, 11 de novembro de 2022

Deixa unha resposta