Hai momentos na vida que un pensa que nunca van a chegar, mais cando aparecen amosamos unha forza interior que nos fai enfrontarnos a eles como se os estivésemos agardando desde hai moito tempo. A primavera de 2020 foi un deles. A ameaza dunha pandemia de consecuencias descoñecidas obrigou ao Goberno tomar a decisión de confinarnos nos fogares. Ver o día a través da fiestra, dar apertas coa mirada, ocultar o sorriso detrás dunha máscara, erguer a vista e preguntarse, ata cando? E ante esa situación a xente decidiu que a vida debía continuar, que entre todos e todas podiamos facer normal o anormal. Así, desde o Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego (OPLG), agrupación á que está adherida Brinquedia, empezouse a concibir un proxecto solidario cunha finalidade enormemente altruísta: fornecer de recursos lúdicos ás familias nun tempo difícil.
Os xogos que habitualmente facemos no exterior pasamos a realizalos no interior dos nosos fogares. Adaptalos a espazos reducidos, que reducido fose tamén o número preciso de persoas para desenvolvelo e que o material que se precisase estivera accesible dentro do propio fogar foron condicións indispensables para alcanzar o fin deste proxecto. Conseguidas estas pasamos a colgalos na páxina www.xogostradicionais.gal.
Paralelamente, apareceu outra iniciativa promovida por educadoras e educadores, unha fonte de recursos educativos na rede axeitados a corentena, ás familias e ao profesorado, aulasgalegas.org e o OPLG decide unirse a ela incorporando ao proxecto as propostas de xogo en familia. Esta iniciativa, que en principio ía formar parte do proxecto global, acabou tomando forma de seu e foi actualizándose día a día ata converterse nun proxecto autónomo que ofrecía:
- Os recursos que o OPLG ofrece na rede, máis de douscentos na actualidade, que pasaron a ser accesibles non só as persoas interesadas no xogo tradicional, senón tamén ao público en xeral.
- Unha batería de preto de setenta xogos adaptados ao interior, a espazos reducidos e a participación de pouca xente, partindo de elementos que un fogar pode ofrecer, como materiais de refugallo.
- Unha presa de propostas, corenta aproximadamente, para traballar con papel.
- Unha manchea, trinta en total, de suxestións de construción de xoguetes a partir dos tapóns de cortiza das botellas.
- E unha restra de ligazóns con proposicións de xogos de diferentes partes do mundo.
Toda esta oferta que o OPLG foi ofrecendo, ten o valor de fornecer de recursos a unhas familias que estaban a vivir unhas circunstancias complicadas que ninguén agardaba vivir nunca.
Desde unha perspectiva da Historia da Investigación do Patrimonio Lúdico, estamos ante o primeiro catálogo de xogos para ser practicados nas condicións que se deron durante o período de confinamento. Con esta restra de xogos pretendeuse algo máis ca xogar, volver a educación en familia, ao contacto interxeracional, a transmisión do saber polo xogo, a ecoloxía, a economía sostible…
Tendo en conta todo isto, dentro do OPLG xurdiu a idea de reflectir todo o traballo en formato papel, nun libro, que se estruturaría en varios elementos:
Unha introdución ou presentación que serviría de apertura xenérica da propia publicación e como as circunstancias do confinamento ían sucedéndose e, ao mesmo tempo, condicionando o desenvolvemento do propio proxecto.
Unha primeira parte de setenta xogos adaptados a espazos reducidos, cunha explicación sinxela de cada un deles, unha ilustración que a complementaría e facilitaría aínda máis a súa práctica.
Unhas corenta propostas de enredos elaborados con papel e listos para seren practicados.
Unha trintena de imaxes moi descritivas de enredos elaborados con tapóns de cortiza das botellas.
Por último, un relatorio de lugares na rede con propostas de xogos de todo tipo e de diferentes lugares.
Un libro que, posto en circulación grazas a imprescindible axuda da Deputación de Lugo, ten como destinatarias as familias, os centros de ensino, as bibliotecas, os centros para persoas maiores, a educadoras e educadores sociais, ás profesionais de tempo libre e a un colectivo que cada vez demanda máis o xogo tradicional como terapia, as/os terapeutas ocupacionais.
Despois de varios meses de andaina, o libro vai chegando a tódolos recunchos do país con máis dunha ducia de presentacións promovidas por entidades ou persoas investigadoras do OPLG, entre as que se inclúe a realizada por Brinquedia en Noia o pasado 3 de marzo.
Seguimos! Porque xogar non é perder o tempo!
Xosé Manuel Barreiro, presidente de Brinquedia.