Arquivos mensuais: Novembro 2011

Día do Peón: que aconteceu?

Como ben saberedes, Brinquedia convocou para o pasado 11 de novembro a sétima edición do Día do Peón, baixo o lema “Polo San Martiño, peóns ó camiño”.

Unha vez publicada a nova sobre o acontecido no acto central, toca saber que foi o que ocorreu no resto do país.

En primeiro lugar, destacar que houbo unha sensible diminución no número de participantes con respecto á anterior edición, a cal achacamos en parte á decisión tomada polos claustros de numerosos centros de non realizar actividades complementarias e extraescolares coma medida de rexeitamento ás medidas tomadas pola Consellería de Educación a principio de curso (feito que nos foi comunicado por varios dos mesmos).

Aínda así, e segundo os datos que nos foron aportados, tomaron parte na actividade un total de 26 centros educativos de Galicia, sumando un total aproximado case 6000 nenos e nenas realizando actividades en torno ó peón.

Os que recolleron esta actividade na súa páxina web e que nolo notificaron foron os seguintes:

CEIP de Vite I (ligazón1, ligazón2, ligazón3)

CEIP A Laxe (Ferrol)

CEIP A Gándara (Narón)

CPI de San Sadurniño (ligazón1, ligazón2)

CPI de Ponte Carreira (Frades)

IES de Melide

CEIP Sanjurjo de Carricarte (A Coruña)

CPR María Assumpta (Noia)

CEIP de Porto Cabeiro (Redondela)

CEIP Santa María (As Pontes de García Rodríguez)

CEIP Ricardo Tobío (Muros)

CEIP San Vicenzo (Vimianzo)

CPI de Xanceda (Mesía)

Así mesmo, é de destacar que este ano, unha vez máis, a convocatoria traspasou as fronteiras de Galicia.

Na Ikastola Alkartu de Barakaldo (Bizkaia) celebraron o Día do Peón-Ziba Eguna. Enviáronnos tanto unha galería de imaxes coma unha reportaxe audiovisual.

Outra entidade que se sumou á convocatoria de Brinquedia foi o Museo del Trompo de Antequera, que realizou unha serie de actividades en torno á mesma como poderedes observar nas seguintes imaxes:

Se no voso centro realizastes algunha outra actividade relacionada con esta convocatoria, non dubidedes en facérnolo saber a través do enderezo electrónico brinquedia@brinquedia.net, e engadirémolo a esta nova.

Acto central do Día do Peón

Lamentablemente, a meteoroloxía non acompañou, polo que houbo que pasar ó “plan B” e realizar parte das actividades na instalación cuberta prevista ó efecto (o pavillón do colexio Jorge Juan).

Nos seguintes documentos e ligazóns poderedes atopar información máis detallada de como transcorreu a xornada.

Versións dixitais de Diario de Ferrol e La Voz de Galicia.

Versión impresa dos xornais antes citados, incluíndo a páxina coa viñeta de Xaquín Marín en formato pdf (podes velas na seguinte ligazón: prensapeon2).

Outros medios dixitais que recolleron a nova da actividade foron o Concello de Fene e Radiofusión.

E velaí van unhas imaxes dos obradoiros realizados:

Non podemos menos que realizar unha serie de agradecementos ás diferentes colaboracións prestadas tanto por organismos oficiais coma por entidades e persoas a título individual:

* Ó Concello de Fene, pola súa colaboración económica e de recursos humanos.
* Á Asociación Amics de la Baldufa, pola cesión do material sobre a que se elaborou a exposición “O peón, un mundo de amigos”.
* Á Ikastola Alkartu de Barakaldo (Bizkaia), e especialmente a Joseba González Porras.
* A Sebastián del Pino Cabello, do Museo del Trompo de Antequera (Málaga).
* A Ramón Loureiro, pola redacción e lectura do Manifesto.
* Ó debuxante fenés Carlos Sardiña, pola súa magnífica viñeta.
* Ó artista fenés Xaquín Marín, por publicar unha viñeta alusiva ó día en La Voz de Galicia, modificando a súa forma habitual de traballo.
* Ó alumnado do Ciclo Superior de Actividades Físico-Deportivas do CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro de Ferrol, que colaborou coma voluntariado dirixindo varias das actividades, e ó seu profesor do módulo de Animación e Dinámica de Grupos, Uxío Leira.

En breve contamos publicar outra nova sobre o que aconteceu no resto do país en torno a esta actividade, xa que aínda nos está a chegar información dos centros participantes.

E non o esquecer: que sigan a bailar eses peóns!

Recuperación do Xogo de Bolos en Parada de Sil

Recentemente, o Concello de Parada de Sil e a Fundación Laya asinaron un convenio para a recuperación, promoción e difusión desta modalidade de bolos.

Podedes atopar máis información no artigo publicado en La Voz de Galicia