Recentemente a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria anunciou, baixo o lema “Somos patrimonio”, a celebración dunha serie de actividades para conmemorar o Ano Europeo do Patrimonio Cultural (clic na seguinte imaxe para máis información):
Nun correo electrónico remitidos tanto ao Gabinete do Conselleiro coma á Secretaría Xeral de Cultura, dende Brinquedia solicitamos a presenza do xogo e o deporte tradicional galegos dentro destas actividades. O corpo desta mensaxe é o seguinte:
“Estimados/as sres/as:
Pola presente poñémonos en contacto con vostedes para, en primeiro lugar, felicitalos pola iniciativa “Somos patrimonio” coa que se conmemorará o Ano Europeo do Patrimonio Cultural.
Dende Brinquedia Rede Galega do Xogo Tradicional, de non telo feito vostedes xa, propoñemos que o xogo e o deporte tradicional galegos teñan presenza dentro das diferentes actividades programadas.
Galicia conta cun excepcional patrimonio lúdico propio que atópase entre os máis ricos de España e Europa. O mesmo aglutina tanto prácticas que son realizadas así mesmo noutros lugares coma unha serie de xogos e deportes autóctonos que contribuén en grande medida á nosa riqueza cultural.
Polo tanto, a entidade que presido préstase a colaborar na medida das súas posibilidades para que o xogo e o deporte tradicional galego teñan a presenza que consideramos se merecen dentro das variadas actividades que dende esta Consellería están a ser programadas.
Quedamos á súa disposición para tratar este asunto.
Atentamente,
Xose Manuel Barreiro Ínsua
Presidente de Brinquedia Rede Galega do Xogo Tradicional”
Iremos informando do alcance desta iniciativa.