Arquivos mensuais: Marzo 2020

Nota de prensa sobre a iniciativa “Xogos para estes días”.

Onte informabamos desta iniciativa, e hoxe queremos facervos chegar que ten sido enviada unha nota de prensa e que podedes visualizar facendo clic na seguinte imaxe:

Agardamos as vosas contribucións e que fagades difusión da iniciativa!

“Xogos tradicionais galegos para tempos de recollida”.

Neste mal momento que nos toca vivir xorden un grande número de iniciativas. Moitas delas dirixidas á rapazada, e dende Patrimonio Lúdico Galego faise unha achega específica denominada “Xogos tradicionais galegos para estes días de recollida”, á cal podedes acceder facendo clic na seguinte imaxe:

 

Consta de varios apartados, pero queremos destacar “Xogos para estes días”, unha escolma de xogos para ser practicados en espazos pequenos e por poucos xogadores, así coma de enredos para construír con materiais ao alcance da maioría.

Brinquedia, coma participante deste movemento, está a facer as súas achegas e a contribuír á súa difusión.

Así mesmo, esta iniciativa aparece recollida noutra máis ampla coma é “Aulas Galegas”, no seu apartado de “Recursos na rede”:

Agardamos que esta iniciativa axude a encher ese enorme tempo do que dispón agora mesmo a rapazada, así coma para demostrar outra vez que os xogos “de sempre” seguen a ter (e deben) cabida na nosa sociedade.

 

 

 

Xuntanza do Patrimonio Lúdico Galego

O sábado día 7 de marzo tivo lugar no Centro Sociocultural do Castiñeiriño (Santiago de Compostela) unha xuntanza do Patrimonio Lúdico Galego no que se trataron diversos temas que afectan a promoción, investigación, formación e divulgación do noso patrimonio lúdico.

A ela asistiron non só as diversas asociacións que o compoñen, senón tamén investigadores e animadores culturais.

Dentro dunha vasta orde do día cabe destacar entre os puntos máis salientables aqueles que fan referencia aos contactos que se teñen coa administración pública, coas universidades galegas e con organización internacionais para ser parte activa en todas as actividades culturais e deportivas que elas organicen.

Neste sentido os alí presentes valoran como moi positivo seguir participando en todos os actos internacionais e nacionais aos que son convidados (Verona, Vila-Real, Bretaña…) a maiores dos que os propios membros organicen.

A xuntanza foi cualificada de moi frutífera polos asistentes a mesma xa que se consolidaron acordos de reunións anteriores.

A próxima cita deste colectivo está prevista para o mes de maio.