Arquivos mensuais: Novembro 2023

Día do Peón 2023

Foi alá por 2005 cando Brinquedia convocou o primeiro Día do Peón cadrando coa festividade do San Martiño. Desde aquela, agás pola paréntese da pandemia, convidamos todos os anos aos centros educativos, asociacións, colectivos, administracións e persoas a título individual a facer bailar un peón o 11 de novembro.

Nesta XVII edición, o acto central celebrarémolo no Parque de San Lourenzo do Concello de Lousame, contando coa colaboración do propio concello e do CPI Cernadas de Castro. Será o día 9 de novembro, facéndoo coincidir co magosto escolar.

O Manifesto correu a cargo do Departamento de Cultura do Concello de Lousame (preme para descargalo).

No apartado recursos da nosa web podes ver algúns materiais, dos que adiantamos aquí unha proposta colaborativa de actividades. E xa sabes, se participas no Día do Peón, agradecémoste que despois cubras esta enquisa. Porque Polo San Martiño, peóns ao camiño! Deixemos que os peóns invadan as nosas aldeas, vilas e cidades!