O escritor muradán Arturo Romaní, nun pequeno libro editado en 1979 baixo o título “Xogos infantiles de Galicia”, explica minuciosamente as características deste modelo rudimentario de trompo, de grandes dimensións, que se fai xirar a base de atizarlle cunha zorrega ou látego:
O xogo da trompa ten un dobre obxectivo: facela bailar e desprazala ata unha marca establecida, sen que deixe de xirar. Primeiro hai que poñela a xirar coa man ou enroscándolle un cordel e facer un lanzamento de desenrosque á ras de chan. De contado, cóllese a zorrega e atízaselle á trompa, para facer máis rápido o movemento de rotación ao mesmo tempo que se consigue o movemento de translación cara á marca establecida.
Arturo Romaní di que na comarca de Muros este xogo practicouse ata o ano 1927. E refírese a el coma o “turbus” romano. En canto á súa procedencia e como chegou á zona, barállase a hipótese de que foran mariñeiros enrolados en barcos que viñan con mercadorías de Oriente os que introduciron este tipo de trompo en Europa e concretamente en Muros alá polo ano 1700.
O recente rescate.
En 2017, programando a participación na convocatoria do “Día do Peón”, relendo o libriño de A. Romaní, dende o Colexio de Esteiro (Muros), tomamos a iniciativa de intentar construír unha trompa, seguindo as explicacións e debuxos que aparecían no mesmo. Presentámoslle a proposta a dous carpinteiros da localidade, que xa anteriormente colaboraran co noso centro na fabricación doutros xoguetes tradicionais (a ra, carrilana, trécolas, variedade de trompos…). Aínda que sorprendidos, porque éralle algo descoñecido comparado co que levaban feito, aceptaron o encargo e en poucos días tiñamos nas nosas mans dúas fermosas réplicas das antigas trompas. E chegou a seguinte fase dese recate, as probas previas á súa presentación pública. Puxémola a xirar, pero coa zorregada de tiras de coiro non conseguiamos darlle continuidade suficiente ao baile. Entón ocorréusenos botar man de xestas para facer unha zorrega. Collemos varias ramas dese arbusto e atámolas, enroscando en espiral cun cordel, deixando as puntas máis abertas, semellando unha vasoira. Para asegurar os primeiros xiros da trompa, utilizamos o método do lanzamento “por abaixo”, tirando do cordel enroscado na trompa. De contado, comezamos a darlle rápidas zorregadas e… funcionou! A trompa non deixaba de bailar e ao mesmo tempo conseguimos que se fose desprazando polo terreo.
E chegou o día de San Martiño. Para presentar en público a esta bailadora rústica, escollemos un escenario que correspondese ao seu estilo. E non había outro mellor acaído que o Pozo do Cachón de Muros. Lugar onde tempo atrás as aspas dos muíños de marea xiraban, para facer mover as moas e converter os graos en fariña, para logo fabricar o pan. Neste fermoso escenario, mariñeiro e rural, as nenas e nenos dos colexios de Esteiro e Muros volveron xogar coa TROMPA, logo de case cen anos esquecida.
Nas seguintes edicións do Día do Peón, outras nenas e nenos tiveron ocasión de facer bailar este peculiar modelo de trompo, posto que cada ano Brinquedia leva o acto central a un concello distinto.
Pero esta posta en práctica puntual de cada ano non é suficiente para asegurar a permanencia no tempo deste xogo. Precísase que argallemos novas e varias iniciativas, para que a trompa non se converta soamente nunha peza de museo.