Arquivos mensuais: Outubro 2012

Sinatura dun protocolo de colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

O pasado venres 26 asinamos un protocolo de colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para a promoción do xogo tradicional galego e máis concretamente, do festival europeo de xogos tradicionais e a Asemblea da AEXDT que terá lugar en Galiza no vindeiro ano 2013.

Con este protocolo, a Consellería amosa as súas intencións de desenvolver iniciativas para a posta en valor do patrimonio lúdico, ao tempo que se fomentan os seus valores e contidos culturais entre a poboación. A administración e Brinquedia acadan deste xeito o compromiso de poñer en valor este ben a través do fomento e divulgación do Festival europeo de xogos tradicionais 2013. Un encontro que contribuirá a darlle pulo a estas actividades desde o punto de vista lúdico, deportivo, socieconómico e cultural.

Unha promoción que se desenvolverá a través de programas de actuación coordenadas con outras entidades que compartillan o mesmo obxectivo de difusión; establecendo actividades lúdicas e formativas arredor do xogo tradicional destinadas ao ámbito educativo; difusión das actividades a través das redes sociais e a través de entidades de tempo libre, turismo e deportivas, ao tempo que se buscará o intercambio de experiencias e coñecemento entre axentes sociais doutras tradicións culturais.

Dende aquí poderedes acceder á nova publicada ó respecto na web da Xunta.

Convocatoria do Día do Peón 2012

Por oitavo ano consecutivo, dende Brinquedia promóvese no territorio galego a celebración do Día do Peón baixo o lema Polo San Martiño, peóns ao camiño.

Nun correo electrónico enviado a tódolos centros educativos de Galicia, dáselle publicidade a esta actividade xa consolidada a través dos seguintes documentos (que podedes descargar tamén dende aquí):

Unha carta de convite a participar na actividade.

Un documento cunha descrición xeral da actividade.

Unha proposta de actividades para realizar antes, durante e despois da conmemoración.

Un documento con ligazóns de interese.

Unha mostra/exposición titulada “O peón, un mundo de amigos“, aportada pola asociación catalá Amics de la Baldufa e traducida ó galego (para descargala en formato pdf, facer clic sobre a imaxe):

E por último, o cartaz da actividade:

Atopámonos pendentes neste intre de concretar a ubicación do Acto Central que xa se ten desenvolvido outros anos. En canto este acto estea confirmado, atoparedes cumprida información nesta páxina web.

Xa para rematar, agradeceriamos a tódolos centros e entidades participantes que nos remitisen ó noso correo electrónico (brinquedia@brinquedia.net) información sobre: número de nenas e nenos participantes e profesorado implicado, actividades realizadas e ligazóns a páxinas web e blogues que fagan referencia ó desenvolvemento da actividade.

Xa estades remexendo polos caixóns a ver onde quedou o peón o ano pasado!

Próximamente, convocatoria do Día do Peón

Tendo recibido consultas sobre se este ano haberá convocatoria do Día do Peón, queremos notificar que en breves datas a mesma será publicada nesta páxina web e remitida por correo electrónico a tódolos centros escolares do país, dado que estamos a ultimar un par de aspectos.

O que xa podemos ir adiantando é que a data proposta para esta 8ª edición será o venres 9 de novembro, xa que a tradicional do 11 (Polo San Martiño, peóns ao camiño) este ano coincide en domingo.

E para ir abrindo boca, xa tedes á vosa disposición o cartaz:

Así que xa podedes remexer nos caixóns a ver onde metíchedes o voso peón o ano pasado.