Arquivo da categoría: dia do peón

XIX Día do Peón

Un ano máis, Brinquedia convida a todos os centros educativos, asociacións, colectivos, administracións e persoas a título individual a facer bailar un peón o 11 de novembro. Chega así unha nova convocatoria do Día do Peón, a número XIX, que desde 2005 facemos cadrar coa festividade do San Martiño.

Na presente edición, o acto central celebrarase no paseo do Espolón de Padrón. Contamos coa colaboración do propio concello e dos seus centros educativos. Será o día 11 de novembro ás 12 horas.

O manifesto foi redactado polo escritor e profesor Anxo Angueira (preme para descargalo).

Descarga o cartel.

No apartado recursos da nosa web podes ver algúns materiais, dos que adiantamos aquí unha proposta colaborativa de actividades. E xa sabes, se participas no Día do Peón, agradecémoste que despois cubras esta enquisa. Porque, Polo San Martiño, peóns ao camiño! Deixemos que os peóns invadan as nosas aldeas, vilas e cidades!

XVIII edición do Día do Peón

Desde 2005, Brinquedia convoca o Día do Peón cadrando coa festividade do San Martiño. Polo mesmo, convidamos a todos os centros educativos, asociacións, colectivos, administracións e persoas a título individual a facer bailar un peón o 11 de novembro.

Na presente XVIII edición, o acto central celebrarémolo na praza Jorge Mira de Baio, no Concello de Zas. Contaremos coa colaboración do propio concello, do CEIP Labarta Pose e do CPI de Zas. Será o día 11 de novembro ás 11 horas.

O manifesto redactouno un antigo mestre do colexio, Manuel Esteban Lema Pérez, Stevo de Zas. (Preme para descargalo).

Descarga o cartel

No apartado recursos da nosa web podes ver algúns materiais, dos que adiantamos aquí unha proposta colaborativa de actividades. E xa sabes, se participas no Día do Peón, agradecémoste que despois cubras esta enquisa. Porque Polo San Martiño, peóns ao camiño! Deixemos que os peóns invadan as nosas aldeas, vilas e cidades!

Día do Peón 2022

PEÓN, peona, peonza, peonceta, repeón, piñón, buxaina, buxa, trompo, trompa, bailarico, bailareta, bailarete, bailarela, bailarín, bailarina, bailón, danzarico, danzarete, vira-vira, billa, biombo, bóla, borracha, curro, mazarico, nosella, piruleta, pizarillo… son moitos dos nomes que a profesora Rosario Álvarez recolle na comunicación “Variación lingüística e historia cultural. Palabras peregrinas polo Camiño francés a Compostela“. Unha riqueza lingüística e patrimonial que desde Brinquedia expandimos nunha nova convocatoria do Día do Peón!

Aquí podes descargar o cartel

Onde? En todos os centros educativos de Galicia que o desexen.

Cando? O venres 11 de novembro, día de San Martiño.

Acto central. O evento principal desenvolverase no Concello de Brión, na Carballeira de Santa Minia.

Con quen? A lectura do manifesto correrá a cargo de Lucho Penabade, actor, director, guionista e membro do grupo de teatro Os Quinquilláns.

Descarga o manifesto e lédeo nos vosos actos!

Coa colaboración do Concello de Brión.

Queres traballar sobre o peón en clase, nun grupo ou asociación? No apartado recursos da nosa web tes algúns materiais para facelo.