A proposta galega baséase nunha Europa vertebrada polos camiños e na súa confluencia no noso Finis terrae, organizándose para elo un EUROFESTIVAL ó redor do xogo tradicional. O camiño de Santiago, para alén da comunicación xeográfica e da peregrinación espiritual, converteuse nunha canle de comunicación cultural. A súa labor de comunicación e viralidade ten algo a ver co que hoxe serían as redes sociais. Xentes de diversas comunidades culturais compartillaban –co camiño- as tradicións e costumes dos seus pobos.
Así, pois, é doado pensar que o camiño se converteu nunha vía de sentido duplo á hora de levar e traer músicas, contos, xogos, artesanías e outros costumes.
A data prevista será a terceira semana de xuño e a sede estará entre Santiago de Compostela e Ourense, malia se desenvolverán distintas actividades por toda a xeografía galega no decorrer das semanas previas.
O programa deste EUROFESTIVAL contará coas seguintes actividades:
Congreso. Unha xornada divulgativa de curta duración que afonde no xogo de tradición cultural desde unha óptica integradora, ademais de esculcar na análise dos procesos migratorios e a súa influenza na integración de novos xogos de tradición cultural na comunidade receptora. Asemade, terase en conta a importancia/relevancia dos xogos de tradición cultural como vehículo integrador das culturas universais, como elemento de coñecemento e de respecto mutuo.
Asemblea da AEXDT. A asemblea cos representantes dos distintos países membros desta asociación analizará e debaterá a situación actual das entidades socias e do xogo tradicional no marco da Unión Europea.
Encontro escolar de xogos tradicionais. No 2013 terá lugar a 7ª edición deste encontro que Brinquedia ven convocando de xeito anual entre os centros de ensino que se comprometen a traballar no seu currículo o xogo de tradición cultural. Por optimización de recursos económicos e humáns incluiremos esta celebración dentro do programa.
Festival europeo de xogos tradicionais. Cun espazo preferencial para algúns dos principais xogos tradicionais galegos, deseñaranse distintos espazos creando un percorrido polo centro da cidade no que poder descubrir distintos xogos que veñen enchendo o espazo de lecer das xeracións europeas dos séculos pasados. Haberá 4 espazos preferenciais: xogos de puntería, Loitas, Xogos de Billarda, Xogos infantís e de taboleiro.
Actividades nos centros de ensino. Realizaranse actividades de promoción do Eurofestival nos centros de ensino.
Campionatos locais. O Eurofestival patrocinará un trofeo para os campionatos ou ligas dos distintos xogos tradicionais que se celebren nas semanas previas .
Presentacións. Aproveitarase o festival para realizar diversas presentacións relacionadas cos xogos tradicionais, no ámbito académico, deportivo e feiral. Entre estas presentacións xa podemos adiantar que nos atopamos redactando a solicitude que lle faremos chegar ao goberno autonómico, e que desde Brinquedia lle faremos chegar á Administración autonómica para abrir o expediente de declaración BIC do patrimonio lúdico galego.