Arquivos mensuais: Outubro 2018

Avance sobre o Día do Peón

A menos dun mes vista do 11 de novembro, xa podemos ir adiantando varias cousiñas dunha actividade que cumpre xa a súa 14ª edición.

Dado que nesta ocasión o día 11 coincide cun domingo, deixamos á vosa elección o día da celebración.

En primeiro lugar, xa temos dispoñible o cartaz: podes descargalo facendo clic na seguinte imaxe.

En segundo lugar, xa podemos confirmar o lugar de celebración do Acto Central: será o venres 9 na Praza de San Gregorio, en Carnota. Dende aquí agradecemos publicamente ao Concello de Carnota as facilidades prestadas.

En datas próximas lanzaremos a convocatoria oficial, pero para quen quera ir preparando algo xa lembramos que no apartado de recursos poderedes atopar diferentes ficheiros que poden axudarvos.

Presentación do libro “Trucalperde. Trompos ao camiño”.

O pasado mércores tivo lugar a presentación desta publicación que, coma se desprende do seu título, trata a temática do trompo ou peón, concretamente na comarca do Salnés.

Os seus autores son Carlos Rey e  Pepe Prego quen, lamentablemente, faleceu, acudindo na súa representación o seu fillo Santi Prego.

Contouse ademais coa presenza de Daniel Pino (especialista no xogo da trompa de Muros), de Xose Manuel Barreiro, presidente de Brinquedia (que redactou o prólogo do libro) e de Ramiro Carregal (patrocinador da publicación).

Imaxe: www.blogoteca.com/ofaiadodamemoria

Existe unha versión dixital, que pode ser descargada libremente facendo clic na seguinte imaxe (serás redirixido á web que permite a descarga):

Desexamos destacar o pulo que este tipo de iniciativas supón para a conservación e posta en valor do noso patrimonio lúdico.