20 anos da AGXPT!

O xogo mantense con xogadoras e xogadores. E tamén coas persoas e colectivos que o estudan, divulgan e promoven para o seu uso e desfrute, como a Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional (AGXPT), a Asociación con maiúsculas, que vén de cumprir 20 anos!

Foi o 18 de agosto de 2003 cando un grupo de persoas interesadas polo xogo constituíron a entidade nunha xuntanza celebrada en Arca (O Pino), establecendo a súa sede en Melide. O seu obxectivo era o de unir esforzos para favorecer o desenvolvemento e a práctica dos enredos e deportes tradicionais e populares galegos. E vaia se o acadaron! Hoxe son un referente a nivel nacional na divulgación de actividades lúdicas, na promoción e na organización de encontros, conferencias ou congresos.

O pasado día 16 de decembro de 2023, a AGXPT celebrou en Melide o seu acto de aniversario, ao que Brinquedia foi convidada. Acudimos Xosé Manuel Barreiro e Daniel Pino. Xunto a nós estiveron outras entidades e persoas físicas como Xotramu; Nito Ferrer do CEP de Campolongo; Ricardo Pérez y Verdes do MELGA de Ponteceso; Quico Lueiro da Chave de Santiago; Manolo García e Pepe López do Recuncho das Argalladas de Lourenzá; Antón Cortizas ou Apolinar Varela, todos integrantes así mesmo do Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego.

A xornada comezou cun encontro de xogos na praza do Convento. A continuación realizouse no Museo un recoñecemento por parte das autoridades locais, así como unhas palabras de agradecemento de Xan Méndez, presidente da AGXPT. Logo, tralo xantar en confraternidade, deleitáronnos cunha visita guiada para coñecer os ricos bens patrimoniais das rúas melidás. Este roteiro deu paso paso a unha mesa redonda no multiusos, onde representantes do Observatorio falaron do presente e futuro do noso patrimonio lúdico. E para rematar, que mellor ca un sorriso, o que nos sacou Celso Fernández Sanmartín aos alí presentes.

Moitos parabéns!!! E mil primaveras máis para a AGXPT e para o xogo!!!

As imaxes desta entrada son da páxina de Facebook de Turismo Melide. Non deixedes de ver a súa galería e a da propia AGXPT.

Deixa unha resposta