Día da Educación Física na Rúa.

Que hai máis de rúa que o Xogo Tradicional?

O Consello de Colexios de Licenciados en Educación Física e en Ciencias da Actividade Física e o Deporte promove esta iniciativa, a desenvolver o día 25 de abril, da cal podedes atopar cumprida información facendo clic na seguinte imaxe:

Animamos por tanto ás e ós docentes de Educación Física que traballen o Xogo Tradicional como contido no seu labor didáctico que, de participar nesta iniciativa, saquen o Xogo Tradicional ás prazas e rúas do país, as cales non esquezamos que foron o seu lugar de nacemento!

Axudemos ao alumnado a recoñecer calquera espazo público coma un lugar de ocio, xogo, relación social e crecemento persoal. E se é xogando a Xogos Tradicionais, pois mellor que mellor.

 

Brinquedia solicita á Consellería de Cultura a presenza do xogo e o deporte tradicional dentro do programa “Somos patrimonio”.

Recentemente a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria anunciou, baixo o lema “Somos patrimonio”, a celebración dunha serie de actividades para conmemorar o Ano Europeo do Patrimonio Cultural (clic na seguinte imaxe para máis información):

Nun correo electrónico remitidos tanto ao Gabinete do Conselleiro coma á Secretaría Xeral de Cultura, dende Brinquedia solicitamos a presenza do xogo e o deporte tradicional galegos dentro destas actividades. O corpo desta mensaxe é o seguinte:

“Estimados/as sres/as:

Pola presente poñémonos en contacto con vostedes para, en primeiro lugar, felicitalos pola iniciativa “Somos patrimonio” coa que se conmemorará o Ano Europeo do Patrimonio Cultural.

Dende Brinquedia Rede Galega do Xogo Tradicional, de non telo feito vostedes xa, propoñemos que o xogo e o deporte tradicional galegos teñan presenza dentro das diferentes actividades programadas.

Galicia conta cun excepcional patrimonio lúdico propio que atópase entre os máis ricos de España e Europa. O mesmo aglutina tanto prácticas que son realizadas así mesmo noutros lugares coma unha serie de xogos e deportes autóctonos que contribuén en grande medida á nosa riqueza cultural.

Polo tanto, a entidade que presido préstase a colaborar na medida das súas posibilidades para que o xogo e o deporte tradicional galego teñan a presenza que consideramos se merecen dentro das variadas actividades que dende esta Consellería están a ser programadas.

Quedamos á súa disposición para tratar este asunto.

Atentamente,

Xose Manuel Barreiro Ínsua

Presidente de Brinquedia Rede Galega do Xogo Tradicional”

Iremos informando do alcance desta iniciativa.

 

Presentación de “Referencias históricas da Chave en Ferrolterra (1950-2009)”

Hai pouco faciámonos eco da publicación deste libro, o cal será presentado este venres 26 de xaneiro, ás 19:30 h., no Auditorio do C.P.S. San Valentín do concello de Fene (provincia de A Coruña).

Ademais da presentación, haberá unha mesa redonda na que se tratará coma tema os deportes tradicionais galegos.  O cartaz da mesma é o seguinte: