Arquivo por etiquetas: día do peón

Canción do peón 2009 “Como o trompo”

Cada ano somos máis, cada ano xogamos máis e este ano canteremos máis.

Por primeira vez o día do peón contará cunha canción cedida para a ocasión pola Banda Ourensons: “Como o trompo“. Unha máis que atractiva canción que, de seguro, gustará aos máis pequenos e aos que non son tan pequenos.

canción do peón 2009:

canción do peón 2009

Como o trompo

Fai clic aquí para a versión para imprimir

Para gardar o documento e o arquivo de audio, hai que facer clic secundario sobre a ligazón e optar por “descargar arquivo”.

Acompañámola tamén coa letra da canción.

Ven comigo “pra” rúa xogar coa bóla ti me tiras punteirazos, eu che fago un paradón.

Tamén podemos, se queres, probar coa chave dalle ás aspas co peso, ponlle toda a túa atención.

E non deixes de xirar e non deixes de xirar

Fago o camiño como o trompo en San Martiño fago o camiño e non deixo de xirar (bis)

Trouxen hoxe dous paus para divertirnos lanza ao aire a billarda dalle forte co palán.

Máis tarde poderiamos marchar coas bicis temos camiño dabondo e diante todo o serán.

E non deixes de xirar e non deixes de xirar

Fago o camiño como o trompo en San Martiño fago o camiño e non deixo de xirar (bis)

Manifesto do día do peón 2009

“Manifesto do “Día do peón 2009” realizado polo escritor Suso de Toro.

O manifesto será lido o vindeiro mércores 11 de novembro no Acto Central na Alameda de Santiago de Compostela.


TIRA POLA PIOLA

Traballar todo o ano cansa, traballar un día e mais outro na mesma cousa é aborrecido. Así e todo hai días nos que o traballador ten o corpo golfo e quere brincar, eses días fabrica cousas para a alegría. Estes días pasados os ferreiros que fan ferramentas e os carpinteiros que amoblan as casas deixaron estar os traballos e armaron animaliños de madeira con punta de ferro. Son bichiños viradores.


Baila, bailarín, baila,
Danza, salta, o meu peón,
Brinca a miña buxaina
O meu trompo toleirón


O peón é barrigón e polo pé moi agudo, é un bicho que quere brincar e que naceu aprendido, xa sabe bailar. Nada máis falta que ti aprendas primeiro, a buxaina vai agardar que alguén che ensine primeiro a que a envolvas coa túa piola, a modiño, con xeito, unha volta e mais outra. Á que está envolta hai que sacar a lingua polo canto da boca e logo, atención, aí vai o peón!


Elvira, tira,
Manuel, dalle á piola.
Son o teu trompo,
Lánzame que non rompo.

Suso de Toro, 2009

O Paseo Central da Alameda

O Paseo Central da Alameda atópase facilmente en Santiago de Compostela, pero por se alguén ven no día do peón 2009 sen referencias, aquí tedes unha imaxe dende Google Maps

[HTML1]