
O Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego, do que forma parte Brinquedia, xunto co Consello da Cultura Galega acaba de dar por rematada a segunda fase dun proxecto para poñer o rico catálogo de xogos tradicionais a disposición de calquera persoa que queira coñecelos e, sobre todo, practicalos. Trátase dunha ferramenta web, accesible desde calquera teléfono e que conta tamén cunha versión en formato de aplicación, que ten un obxectivo claro: conseguir que, con só un (1) minuto de consulta, sexa posible practicar un xogo dado. Para iso, a ferramenta está concibida de tal xeito que se pode acoutar a busca por idades, por tipo de xogo… é dicir, seguindo uns criterios que, dito dun xeito coloquial, permiten ir a tiro fixo.
A primeira fase do proxecto presentoude o 11 de novembro de 2021, cadrando co San Martiño e co Día do Peón. Naceu daquela con 50 xogos e agora, pensando en que a época de Nadal e moi apropiada para o xogo en familia, acaban de ser subidos outros 62 xogos, de maneira que xa son 112 os que poden ser consultados. Nunha terceira fase agárdase completar o proxecto e que chegue cando menos a 150 xogos.
A ferramenta está concibida dun xeito moi sinxelo, como esixe a finalidade para a que foi concibida. Unha explicación mínima do xogo, unha imaxe da autoría de Nuria Díaz e, se isto é posible, un vídeo explicativo. O dito, un (1) minuto de consulta e o xogo debe estar sendo posto en acción.
Non se trata de algo utópico pensar nesta inmediatez, pois o rico patrimonio lúdico segue plenamente vixente cando menos na memoria colectiva, e do que se trata é, fundamentalmente, de estimulala. Por outra parte, debe ser tido en conta que Galicia posúe cun catálogo de miles de xogos, sendo un dos máis ricos da Península Ibérica. Con rogo de divulgación, precisamente para que poida cumprir a función para a que foi concibida, reproducimos unha sinxela descrición das características da ferramenta web e da aplicación que é, por outra parte, pioneira no mundo.
Aplicación para móbiles e ferramenta web (http://xogospopulares.consellodacultura.gal/)
1. QUE É? Unha ferramenta pensada para todo tipo de público, de a pé, especializado e profesional. Consiste nun sitio web e unha app para Android e iOS.
2. QUE PERSEGUE? Presenta propostas de xogos tradicionais de xeito inmediato con normas sinxelas e doadas de interpretar. Adapta o xogo ás necesidades contextuais do momento de consulta. Proporciona recursos audiovisuais para a práctica e aprendizaxe. Suxire novos medios de aprendizaxe a través dos procesos cognitivos.
3. CARACTERÍSTICAS. Os xogos están clasificados por idades, obxectivos e tipoloxías. As buscas poden ser xenéricas ou selectivas. Sirvan estes dous exemplos para entender a filosofía da ferramenta: a billarda ou estornela aparece descrita propoñendo darlle a un pau aguzado (a billarda) cun pau de medio metro (o palán). É dicir, a esencia do xogo. A descrición suxire conseguir a habelencia necesaria para despois practicar o xogo con regras. Unha pequena selección das regras xa só aparece en ligazóns externas. Coa zoadeira ou fungona explícase brevemente como facela, pero ofrécense dous vídeos que falan por si sós.
4. EN QUE MOMENTO ESTÁ O PROXECTO? A ferramenta ofrece actualmente 112 xogos listos para seren practicados pretendendo chegar aos 150. Con todo, é unha ferramenta aberta que pode ter incorporacións e mellorar o actual, por exemplo con vídeos explicativos.
5. ENTIDADES RESPONSABLES. O Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego (www.xogostradicionais.gal) é o responsable da concepción inicial do proxecto e dos contidos. O Consello da Cultura Galega (http://consellodacultura.gal/) é a institución que asumiu o proxecto dentro das súas iniciativas de investigación e divulgación dos trazos de identidade do pobo galego. É, tamén, a responsable de toda a infraestrutura técnica necesaria para desenvolvelo.
