Un ano máis, Brinquedia convida a todos os centros educativos, asociacións, colectivos, administracións e persoas a título individual a facer bailar un peón o 11 de novembro. Chega así unha nova convocatoria do Día do Peón, a número XIX, que desde 2005 facemos cadrar coa festividade do San Martiño.
Na presente edición, o acto central celebrarase no paseo do Espolón de Padrón. Contamos coa colaboración do propio concello e dos seus centros educativos. Será o día 11 de novembro ás 12 horas.
O manifesto foi redactado polo escritor e profesor Anxo Angueira (preme para descargalo).

No apartado recursos da nosa web podes ver algúns materiais, dos que adiantamos aquí unha proposta colaborativa de actividades. E xa sabes, se participas no Día do Peón, agradecémoste que despois cubras esta enquisa. Porque, Polo San Martiño, peóns ao camiño! Deixemos que os peóns invadan as nosas aldeas, vilas e cidades!
