Presentamos “Patrimonio Lúdico Galego” en Noia

O pasado domingo 23 de maio de 2026 presentamos en Noia, co gallo da Feira do Libro, Patrimonio Lúdico Galego. Investigación, recursos e divulgación dos xogos tradicionais. Baixo a coordinación de Silvia López Gómez, Apolinar Varela e Manuela Vázquez Coto, a obra foi promovida polo Observatorio do Patrimonio Lúdico, do que forma parte Brinquedia, e publicada grazas ao financiamento da Universidade de Santiago de Compostela e da Secretaría Xeral de Lingua da Xunta de Galiza.

Chelo Martínez, X. M. Barreiro e Carmela Sánchez na presentación

Trátase dun libro coral no que se recollen un total de 37 artigos agrupados en 4 bloques: Arredor do xogo tradicional, Investigar o xogo tradicional, Recursos sobre o xogo tradicional e Divulgar o xogo tradicional.

Nun deles, Carmela Sánchez, secretaria de Brinquedia, aborda as representacións pictóricas en Xogos e Lecer na Arte. O tempo libre nas coleccións dixitais de pintura. Pola súa banda, Xosé Manuel Barreiro, presidente de Brinquedia, amosa noutros dous artigos a historia do Día do Peón e dos Encontros Escolares.

As persoas asistentes, entre as que se atopaban a Concelleira de Cultura de Noia, Chelo Martínez, que presentou o acto, e o Tenente de Alcalde Manuel Seijas, puideron desfrutar tamén dalgúns xogos aportados por Somos Enredos, que tamén conta cun capítulo no libro. Así mesmo, convidámolas a contestar dúas preguntas dunha pequena enquisa que argallamos para a ocasión e que tamén podes cubrir a través do seguinte enlace: http://enquisa.brinquedia.net. De tódolos xogos que apareceron, quedámonos co do zurriagazo!

O libro está á venda a través do Servizo de Publicacións da USC ou nalgunha das librarías que participaron na Feira, como a ULA de Outes.

Deixa unha resposta