O sábado 31 de maio tivo lugar esta actividade no campo de fútbol e área recreativa de Cabreiros (concello de Xermade, Lugo).
Para elo contouse coa inestimable colaboración da Asociación de Veciños de Cabreiros, o Concello de Xermade e a Universidade de Santiago de Compostela, xa que este ano o Encontro formou parte das X Xornadas Interxeracionais Rurais organizadas por esas entidades.
Contouse coa participación de alumnado e familias de 10 centros educativos, ademais da rapazada e familiares do concello de Xermade. En total, sumando alumnado, familias, colabouradores e membros da organización, superouse amplamente a cifra de 700 participantes. O que xa non é tan doado de cuantificar foi o número de sorrisos, de expresións de gozo e gargalladas (pero foron moitos moitos).
O programa foi moi semellante ao de edicións anteriores, dividíndose as actividades en xornada de mañá (na que se puxeron en práctica xogos infantís) e xornada de tarde (na que, ademais de xogos infantís, houbo demostracións e vivencias de xogos e deportes tradicionais de adultos).
Mentres non rematamos o vídeo da actividade, aí van un par de pequenas galerías fotográficas.
As actividades da mañá.
As actividades da tarde.
Entre as actividades da mañá e as da tarde, antes de comer, realizouse a presentación do libro “Xoguetes naturais. Primavera-Verán”, de Xosé López González e Jose M. García Fernández (os responsables do obradoiro de enredos realizado durante a mañá), introducidos por Antón Cortizas.
Xa para rematar, só nos queda realizar unha serie de agradecementos:
- Ao alumnado asistente e ás súas familias, pola súa boa predisposición a tomar parte nesta actividade.
- Ás diferentes persoas que colabouraron na organización do evento antes, durante e despois da súa realización.
- Aos voluntarios e voluntarias que dinamizaron os xogos.
- Ás entidades colaboradoras: Chave de Ourense, A Cambadela (Loita Tradicional), Asociación Cultural Ecobateas (billarda), a xente da Órrea e de Parada de Sil por achegarnos os seus xogos de birlos, Asociación Cultural O Teixeiro (Piornedo, a cocha), Asociación Carballo Vivo (Friol, arrebolamento de goxo e piñagoxo), XOTRAMU (Xogos Tradicionais de Muimenta) e AGXPT (Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional).
- Ás empresas fornecedoras das merendas ofrecidas a media mañá: GADISA e Feiraco.
Pingback: Nova entrega de “Argalladas dos pícaros”. | BRINQUEDIA