Na primeira fin de semana de agosto tivo lugar na localidade francesa de Rodez (Aveyron) a Asemblea anual da Asociación Europea de Xogos e Deportes Tradicionais (AEXDT). Escollérase a capital do departamento de L’Aveyron por celebrar o centenario do clube local de Quilles de huit.
Ademais dos campionatos nacionais franceses de Quilles de huit e dunha demostración de xogos tradicionais europeos, onde houbo espazo para 3 modalidades de bolos galegos, debateuse na asemblea sobre a vulnerabilidade das estratexias para a posta en valor dos xogos tradicionais na situación atual de crise.
Por outra parte, refrendouse o acordo tomado no ano anterior de que Galicia –e máis concretamente Brinquedia – Rede galega do xogo tradicional- fora a organizadora deste evento no 2013. Asemade, dentro da orde do día, realizouse unha presentación co proxecto de Euro-festival previsto para o verán do vindeiro ano, ademais de entregarlle a todas as delegacións dos distintos países diverso material de promoción turística da nosa terra, facilitado por Turgalicia e AGADIC.