Arquivo da categoría: novas

A TROMPA: ESPECIE EN PERIGO DE EXTINCIÓN.

Portada do libro de Romaní

O escritor muradán Arturo Romaní, nun pequeno libro editado en 1979 baixo o título “Xogos infantiles de Galicia”, explica minuciosamente as características deste modelo rudimentario de trompo, de grandes dimensións, que se fai xirar a base de atizarlle cunha zorrega ou látego:

Consistía nun cilindro de madeira,de doce a catorce centímetros de altura, por sete ou oito de diámetro. Unha das cabezas afiábase para que acabase coma en ponta de lápiz, aínda que non tan longa coma esta…”

“A zorrega ou látego está formada por un pau redondo, á maneira de mango, de uns quince centímetros de lonxitude. Nun extremo facíaselle un entalle ou rebaixe, no que se cravaban cinco ou seis tiras de lona ou coiro de uns trinta centímetros de longo por un ou un e meio de ancho.

Romaní, Arturo: Xogos infantiles de Galicia. Edicións Follas Novas, 1979. p. 27

O xogo da trompa ten un dobre obxectivo: facela bailar e desprazala ata unha marca establecida, sen que deixe de xirar. Primeiro hai que poñela a xirar coa man ou enroscándolle un cordel e facer un lanzamento de desenrosque á ras de chan. De contado, cóllese a zorrega e atízaselle á trompa, para facer máis rápido o movemento de rotación ao mesmo tempo que se consigue o movemento de translación cara á marca establecida.

Arturo Romaní di que na comarca de Muros este xogo practicouse ata o ano 1927. E refírese a el coma o “turbus” romano. En canto á súa procedencia e como chegou á zona, barállase a hipótese de que foran mariñeiros enrolados en barcos que viñan con mercadorías de Oriente os que introduciron este tipo de trompo en Europa e concretamente en Muros alá polo ano 1700.

O recente rescate.

En 2017, programando a participación na convocatoria do “Día do Peón”, relendo o libriño de A. Romaní, dende o Colexio de Esteiro (Muros), tomamos a iniciativa de intentar construír unha trompa, seguindo as explicacións e debuxos que aparecían no mesmo. Presentámoslle a proposta a dous carpinteiros da localidade, que xa anteriormente colaboraran co noso centro na fabricación doutros xoguetes tradicionais (a ra, carrilana, trécolas, variedade de trompos…). Aínda que sorprendidos, porque éralle algo descoñecido comparado co que levaban feito, aceptaron o encargo e en poucos días tiñamos nas nosas mans dúas fermosas réplicas das antigas trompas. E chegou a seguinte fase dese recate, as probas previas á súa presentación pública. Puxémola a xirar, pero coa zorregada de tiras de coiro non conseguiamos darlle continuidade suficiente ao baile. Entón ocorréusenos botar man de xestas para facer unha zorrega. Collemos varias ramas dese arbusto e atámolas, enroscando en espiral cun cordel, deixando as puntas máis abertas, semellando unha vasoira. Para asegurar os primeiros xiros da trompa, utilizamos o método do lanzamento “por abaixo”, tirando do cordel enroscado na trompa. De contado, comezamos a darlle rápidas zorregadas e… funcionou! A trompa non deixaba de bailar e ao mesmo tempo conseguimos que se fose desprazando polo terreo.

E chegou o día de San Martiño. Para presentar en público a esta bailadora rústica, escollemos un escenario que correspondese ao seu estilo. E non había outro mellor acaído que o Pozo do Cachón de Muros. Lugar onde tempo atrás as aspas dos muíños de marea xiraban, para facer mover as moas e converter os graos en fariña, para logo fabricar o pan. Neste fermoso escenario, mariñeiro e rural, as nenas e nenos dos colexios de Esteiro e Muros volveron xogar coa TROMPA, logo de case cen anos esquecida.

Nas seguintes edicións do Día do Peón, outras nenas e nenos tiveron ocasión de facer bailar este peculiar modelo de trompo, posto que cada ano Brinquedia leva o acto central a un concello distinto.

Pero esta posta en práctica puntual de cada ano non é suficiente para asegurar a permanencia no tempo deste xogo. Precísase que argallemos novas e varias iniciativas, para que a trompa non se converta soamente nunha peza de museo.

Xogos tradicionais para tempos de recollida

Hai momentos na vida que un pensa que nunca van a chegar, mais cando aparecen amosamos unha forza interior que nos fai enfrontarnos a eles como se os estivésemos agardando desde hai moito tempo. A primavera de 2020 foi un deles. A ameaza dunha pandemia de consecuencias descoñecidas obrigou ao Goberno tomar a decisión de confinarnos nos fogares. Ver o día a través da fiestra, dar apertas coa mirada, ocultar o sorriso detrás dunha máscara, erguer a vista e preguntarse, ata cando? E ante esa situación a xente decidiu que a vida debía continuar, que entre todos e todas podiamos facer normal o anormal. Así, desde o Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego (OPLG), agrupación á que está adherida Brinquedia, empezouse a concibir un proxecto solidario cunha finalidade enormemente altruísta: fornecer de recursos lúdicos ás familias nun tempo difícil.

Os xogos que habitualmente facemos no exterior pasamos a realizalos no interior dos nosos fogares. Adaptalos a espazos reducidos, que reducido fose tamén o número preciso de persoas para desenvolvelo e que o material que se precisase estivera accesible dentro do propio fogar foron condicións indispensables para alcanzar o fin deste proxecto. Conseguidas estas pasamos a colgalos na páxina www.xogostradicionais.gal.

Paralelamente, apareceu outra iniciativa promovida por educadoras e educadores, unha fonte de recursos educativos na rede axeitados a corentena, ás familias e ao profesorado, aulasgalegas.org e o OPLG decide unirse a ela incorporando ao proxecto as propostas de xogo en familia. Esta iniciativa, que en principio ía formar parte do proxecto global, acabou tomando forma de seu e foi actualizándose día a día ata converterse nun proxecto autónomo que ofrecía:

  • Os recursos que o OPLG ofrece na rede, máis de douscentos na actualidade, que pasaron a ser accesibles non só as persoas interesadas no xogo tradicional, senón tamén ao público en xeral.
  • Unha batería de preto de setenta xogos adaptados ao interior, a espazos reducidos e a participación de pouca xente, partindo de elementos que un fogar pode ofrecer, como materiais de refugallo.
  • Unha presa de propostas, corenta aproximadamente, para traballar con papel.
  • Unha manchea, trinta en total, de suxestións de construción de xoguetes a partir dos tapóns de cortiza das botellas.
  • E unha restra de ligazóns con proposicións de xogos de diferentes partes do mundo.

Toda esta oferta que o OPLG foi ofrecendo, ten o valor de fornecer de recursos a unhas familias que estaban a vivir unhas circunstancias complicadas que ninguén agardaba vivir nunca.

Desde unha perspectiva da Historia da Investigación do Patrimonio Lúdico, estamos ante o primeiro catálogo de xogos para ser practicados nas condicións que se deron durante o período de confinamento. Con esta restra de xogos pretendeuse algo máis ca xogar, volver a educación en familia, ao contacto interxeracional, a transmisión do saber polo xogo, a ecoloxía, a economía sostible…

Tendo en conta todo isto, dentro do OPLG xurdiu a idea de reflectir todo o traballo en formato papel, nun libro, que se estruturaría en varios elementos:

Unha introdución ou presentación que serviría de apertura xenérica da propia publicación e como as circunstancias do confinamento ían sucedéndose e, ao mesmo tempo, condicionando o desenvolvemento do propio proxecto.

Unha primeira parte de setenta xogos adaptados a espazos reducidos, cunha explicación sinxela de cada un deles, unha ilustración que a complementaría e facilitaría aínda máis a súa práctica.

Unhas corenta propostas de enredos elaborados con papel e listos para seren practicados.

Unha trintena de imaxes moi descritivas de enredos elaborados con tapóns de cortiza das botellas.

Por último, un relatorio de lugares na rede con propostas de xogos de todo tipo e de diferentes lugares.

Un libro que, posto en circulación grazas a imprescindible axuda da Deputación de Lugo, ten como destinatarias as familias, os centros de ensino, as bibliotecas, os centros para persoas maiores, a educadoras e educadores sociais, ás profesionais de tempo libre e a un colectivo que cada vez demanda máis o xogo tradicional como terapia, as/os terapeutas ocupacionais.

Despois de varios meses de andaina, o libro vai chegando a tódolos recunchos do país con máis dunha ducia de presentacións promovidas por entidades ou persoas investigadoras do OPLG, entre as que se inclúe a realizada por Brinquedia en Noia o pasado 3 de marzo.

Seguimos! Porque xogar non é perder o tempo!

Xosé Manuel Barreiro, presidente de Brinquedia.

Un ano máis

UN ANO MÁIS!

Xogando ao trompo. Ventosela, Redondela 1983, Félix Cal

Rematado practicamente 2022, ano de reinicio despois de dous ancorados nun tempo que nos serviu de reflexión, o mundo do xogo tradicional retomou as súas iniciativas para que todo volvese parecer como antes. Neste final de ano, Brinquedia convocou a todo o alumnado de Galicia para que o 11 de novembro, Día do Peón, volvesen xirar en prazas, parques, patios, rúas, camiños, corredoiras e canto lugar fose acaído ese brinquedo que cada outono fai as delicias de pequenas e pequenos, e non tan pequenos! O acto central celebrouse en Brión, na carballeira de Santa Minia. Un evento que tivo como actores e actrices a máis de setecentos alumnos dos centros educativos de Brión, Os Ánxeles e Bastavales que, acompañados polo profesorado, fixeron xirar peóns e bailaretes para deleite dos alí presentes. E extendeuse ata Euskal Herria pasando polo plató do Luar da TVG, hospitais, residencias e casas particulares.

Mais, antes de que o San Martiño chamase á nosa porta para lembrarnos de que era hora de que os peóns invadisen os camiños, Brinquedia participou na I Olimpíada de Xogos Tradicionais Intercentros que se celebrou en Boiro, e no programa Convivir Deportivo da Radio Galega. Ademais, man con man cos demais membros e entidades que forman o Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego, colaboramos en toda canta iniciativa que alí nacese. Así, participamos e, xuntamente co Consello da Cultura Galega, fomos quen de elaborar un proxecto interactivo, con versións web e app, de 50 xogos que podemos descargar para os nosos móbiles e demais trebellos tecnolóxicos. Unha forma de amosar que a tradición non é cousa do pasado nin está pelexada co presente e menos lle ten pechadas as portas ao futuro.

Tamén co Observatorio, e como consecuencia desa situación inesperada que vivimos desde a primavera do 2020, puxemos a disposición de todas e todos vos un catálogo de xogos tradicionais galegos na web www.xogostradicionais.gal para practicar desde casa todo ese tempo de confinamento. Paralelamente, un grupo de profesionais da educación crearon www.aulasgalegas.org, unha páxina cun conxunto de recursos para que as cativas non deixen de aprender. Pensamos entón que se de aprender se trata, os xogos, fonte de aprendizaxe de moitas xeracións, non debían faltar nese novo portal. O recibimento foi de tal magnitude que a cousa non quedou aí e imaxinamos que todo ese traballo impreso en papel contribuiría a unha mellor visualización e espallamento. Foi así como coa impagable axuda da Deputación de Lugo o grupo conseguiu poñer no mercado un fermoso libro que leva por título “Xogos tradicionais galegos para tempo de recollida”. Unha ferramenta máis para toda aquela xente que coma nós, acredita que… xogar non é perder o tempo!

As moradoras e os moradores deste curruncho bañado por un océano que nos identifica temos moito do que sentirnos orgullosas. Foi alá polo comezo do presente século cando un grupo de soñadoras e soñadores deulles por fundar unha rede galega do xogo tradicional, Brinquedia, un lugar de encontro. E despois de máis de vinte anos, aquí seguimos, procurando que ese soño non se converta en sono!

Por un 2023 cheo de xogo e ilusión!

trompa

Xogando á trompa. Santa Minia, 11 de novembro de 2022