Dende o Club de Bolos ARCASCO fan chegar unha serie de novas que consideramos moi positivas para a pervivencia da rica variedade de bolos tradicionais de Galicia.
A Liga de Bolos, que se xoga na zona norte de Galicia, xa vai pola cuarta tempada.
Está composta por 7 clubs que, en palabras de Anxo, “decidimos xuntarnos os domingos a xogar aos birlos en cada localidade participante, respectando a modalidade local, é dicir, o xogo tal e como foi recollido con todas as súas características. Tamén se introduciron outras modalidades galegas. Deste xeito calquera xogador/a non só desfruta do seu bolo, senón tamén doutras modalidades”.
Resulta destacable que este ano houbo un importante incremento no número de participantes (26), chegando a atoparnos nesta liga un total de 199 xogadores e xogadoras. Así mesmo, é de resaltar a importante presenza feminina que se está a lograr.
Dende ARCASCO manifestan a súa satisfacción, xa que están a mover todos os domingos un número importante de persoas que se relacionan e conviven en torno a un xogo tradicional.
Para rematar, unhas palabras de Anxo: “estamos a traballar para que non desapareza deste mundo o noso xogo, pois o modelo que os ameaza a todos é o que impón a televisión”.
Quen quera seguir as xornadas das ligas de Bolos dispón das seguintes ligazóns:
Bolos Celtas-Liga Galega Norte
Dende aquí o noso ánimo para que continúen coa labor que están a desenvolver.