Tag Archives: festa

III festa dos Xogos Tradicionais da Terra de Melide

Celebrarase os vindeiros martes e mércores, días 18 e 19 de agosto. O martes, 18 de agosto, de 12.00 a 14.30 h. todas as prazas da vila de Melide serán reconvertidas en espazos de xogo, recuperando a súa tradicional función como lugares onde desde sempre se xogou. Así, por exemplo, na Praza do Convento poderase correr coas carrilanas, na Praza das Coles poderase tirar á chave, na Praza do Pozo Pequeno poderase practicar o Tiro á lata (xogo este xenuíno da Terra de Melide), e así ata un total de 10 recunchos onde desde tempo inmemorial se xogou diariamente.
Na programación da Festa inclúese o III CAMPIONATO DE TIRAPEDRAS DA GALIZA CENTRAL, unha proba que se celebrará o mércores, 19 de agosto, a partir das 12.00 h. na Praza do Convento. Na edición de 2008 participaron un total de 61 tiradores e tiradoras (entre os cales se atopaban 15 nenos/as e 14 mulleres), pero na presente edición todo indica que o número de concursantes vai ser superior, dada a expectación creada.
Na Festa deste ano inclúese unha exhibición de lanzamento dun dos PEÓNS (buxaina, trompo) MÁIS PEQUENOS DO MUNDO, de apenas 30 g., que se celebrará o 18 de agosto ás 12.30 h. na Praza das Coles.
Aquí podedes ver o tríptico realizado para estas actividades.