Convite á presentación dunha colección de xoguetes africanos en A Capela

O vindeiro sábado, 17 de Marzo de 2012, ás cinco da tarde, presentarase no CEIP Mosteiro de Caaveiro (A Capela – A Coruña) unha colección de xoguetes africanos. Esta colección  comezou a ser recollida en 1989 e foise completando ano a ano, viaxando por África, ata conseguir hoxendía a maior colección de xoguetes africanos que existe en España.  Pertence a Cultura Africana, axencia de viaxes especializada nese continente. Un dos seus donos, Javi Lago, cédenos esta valiosa mostra para que sexa vista e visitada por alumnado e profesorado de diferentes centros educativos que nos visiten.

A colección está composta por 193 pezas (barcos, helicópteros, avións, móbiles, motos, coches, camións, bonecas, marionetas, xogos, instrumentos musicais, animais, armas …), que veñen de 26 países:: Arxelia, Benin, Burkina Faso, Camerún, Costa de Marfil, Etiopía, Exipto, Gabón, Ghana, Guinea Bissau, Guinea Conakry, Illa Reunión, Kenia, Madagascar, Mali, Marrocos, Mauritania, Níxer, Nixeria, República Centroafricana, República Democrática do Congo, Senegal, Serra Leoa, Tanzania, Togo e Uganda.

Amosa uns xoguetes usados por nenos e nenas africanos e, o que é máis salientable, fabricados por eles mesmos ou coa axuda dos seus pais. Non foron deseñados por un equipo pedagóxico, nin responden aos intereses comerciais de grandes firmas ou ao capricho da moda. Non son máis ca o resultado da imaxinación e do inxenio de nenas e nenos africanos.

Pasará a formar parte do Museo de xogos e de xoguetes “Brinco”, que desde hai dous anos estamos a crear na escola da Capela. Actualmente, na planta baixa temos a sección de xogos e xoguetes tradicionais; na planta alta, a metade estará ocupada por esta colección e na outra metade tentaremos poñer xogos e xoguetes industriais.

Deixa unha resposta