BRINQUEDIA EN XOTRAMU 2011

O domingo 5 de xuño de 2011 tivo lugar a III edición do Xotramu (Xogos Tradicionais de Muimenta), celebrado en Muimenta (Lugo). Unha chea de asociacións, empresas, artesáns e persoas destacadas no eido do xogo tradicional déronse cita para conformar un conxunto moi representativo do xogo tradicional galego na actualidade. Conviviron nesa xornada as diferentes modalidades de birlos do país: en liña, ao canteiro, do Punxeiro, etc; tamén as chaves contaban con representación de toda Galiza: a de Ferrol, de Ourense e de Santiago. E moitas outras actividade lúdicas tradicionais galegas: fabricación de enredos, mostra de deporte rural vasco, brincadeiras como o tiro á lata, tirapedras, escopetas de gomas, etc. En definitiva, un día adicado ao xogo tradicional, a coñecernos e saber o que se fai polo país adiante arredor do xogo, que afortunadamente é máis do que semella.

Hai que destacar o esforzo organizativo, unha verdadeira marea azul (pola súa vestimenta) de persoas que fixeron posible un evento fermoso, amable, representativo e enriquecedor. Dende Brinquedia non podemos máis que felicitarnos de que existan iniciativas coma esta, as cales debemos de apoiar para que se poidan perpetuar no tempo.


Deixa unha resposta