Asemblea de verán da AEXDT – 2010

Nas pasadas semanas, concretamente o 9 e 10 de xullo, levouse a cabo a Asemblea de verán da AEXDT. Foi nesta ocasión a localidade portuguesa de Guarda, através dos amigos da Associação de Jogos Tradicionais da Guarda quen acolleu o evento.

A situación actual da Asociación, así como os contatos coa UNESCO e con outras entidades e institucións de distintos puntos do mundo, centraron parte das conversas mantidas nestas xornadas.

Tamén houbo lugar para algunhas demostracións de xogos tradicionais, chegados desde distintos lugares: Neste senso, houbo espazo para a reflexión sobre o deseño do espazo que se pretende para as futuras convocatorias do Euro-festival de xogos.

RESUMO DA ASEMBLEA

1. Despois de se aprobar a Acta anterior, houbo un informe do presidente sobre o estado da asociación, no que lembrou que hai toda umha rede de pequenas cidades que se identifican cos valores desenvolvidos desde a AEXDT a favor dos xogos. Aínda que levan mudado muito as cousas, resta muito por facer, toda vez que aínda hoxe é pouco común conhecer os xogos e deportes tradicionais existentes para alén do territorio de cadaquén.
Agradeceu o traballo de todas as persoas e entidades que forman a AEXDT e sinalou que esta asociación non pretende substituir a ninguna das entidades membros, senón converterse en altifalante do traballo desenvolvido por cada umha.
A AEXDT é cada vez máis reconhecida en foros internacionais e ese é un traballo que se debe ao esforzó dos seus asociados. Agrupa hoxe a case medio cento de organización e atópase en período de expansión. O papel da AEXDT non é o de acoller clubes dumha disciplina xa tutelada por umha federación, debe centrarse en acoller e ponher en contato ás asociación que traballan na promoción de xogos tradicionais pouco desenvolvidos. Ten un boletín, umha páxina web que serve de base de datos. Organiza e coorganiza festivais, trocas, proxectos de investigación, conferencias e coloquios. Mantén contatos institucionais de máximo interese. Mais, contodo, a asociación non ten garantido o futuro en termos de funcionamento interno. O Secretariado segue a ser un problema xa que require umha carga importante de traballo, polo que se debería dar forma rápidamente á organización de voluntarias/os, o que non é sinxelo.

2. O seguinte punto na orde do día foi un informe de tesoureiría sobre os ingresos e gastos da AEXDT.

3. A isto seguiu un informe das novas adesións, entre as que figura a adesión en Galiza da AGXPT. Debido á ausencia de representantes desta entidade, desde Brinquedia desculpamos e xustificamos esta ausencia ao tempo que fixemos umha breve presentación da asociación.

4. Outro punto na orde do día foi o das actividades realizadas desde a Asemblea de Aranda, no que se fixo fincapé na boa marcha das relacións coa UNESCO, através dumha reunión coa Comisión do Patrimonio Cultural Inmaterial. Asi mesmo incidiu-se na intención da Asociación Europea de seguir fortalecendo as relacións con representantes de entidades de promoción dos xogos doutros lugares do mundo, por iso a presenza na Guarda de delegados procedentes de Alxeria, Brasil, Corea e Mexico.
Tamén se falou da importancia da visibilidade da AEXDT nos actos organizados polas entidades asociadas.
Por último neste punto, presentouse, por parte do Secretario umha proposta do Consello de Administración para harmonizar o programa do encontro anual. Na redacción desta proposta, elaborada apartir da Asemblea de Aranda do 2009, participou o representante de Brinquedia.

5. No seguinte punto, presentouse a creación dumha Asociación Espanhola de Xogos e Deportes Tradicionais, para crear un interlocutor directo no estado espanhol coa Secretaría de Estado para o Deporte. Xa se mantiveron reunións con representantes desta Secretaría e semella que están abertos ao diálogo.
Neste punto presentouse tamén umha proposta da cidade de Zaragoza para iniciar un programa de promoción a nivel autonómico, estatal e internacional dos xogos tradicionais, no período que vai do 2010 ao 2020, ao tempo que ofrece un espazo físico para a sé da AEXDT. Despois de ter mantido diversas reunións con representantes deste concello, a día de hoxe aínda non hai compromiso firme, malia seguen as conversas.
Tamén se votou a presentación ao Parlamento Europeo dumha moción que xa fora presentada no seu día, anos atrás, através dos eurodeputados dos distintos pobos. Neste apartado, desde Brinquedia propuxemos que o matiz “deportivo” do que fala para referirse aos xogos (máis acaído aos tempos da primeira proposta) fora substituido polo de Patrimonio Cultural Inmaterial, ou patrimonio lúdico; toda vez que se está traballando conxuntamente coa UNESCO nesta dirección (o que lle daría maior coherencia) e entendemos que os xogos e deportes tradicionais forman parte do acervo patrimonial dos pobos, para alén de ser simplesmente manifestacións deportivas. Ao abeiro disto, animouse á AEXDT a basear máis o seu discurso nesta linha patrimonial en todos os seus eventos e reunións. Aprobouse o punto con esta modificación.

6. No punto a falar das vindeiras reunións, presentouse a candidatura única de Auch (Gers) para o 2011, onde se vai celebrar a asemblea o 24 e 25 de xunho (por definir se son máis días). O lema deste Eurofestival vai ser “Xogos tradicionais e desenvolvimento local”
Para o 2012, ten presentada candidatura Rodez, pois nese ano, os Quilles de huit cumpren 100 anos.
Ademáis doutros 2 lugares, que tinhan interese previo para as reunións do 2011 e 2012, Brinquedia manifestou o seu interese en organizar a Asemblea de verán do 2013. Acto seguido tamén manifestamos que baixo o noso punto de vista sería interesante conhecer as propostas de candidaturas e o programas con antelación suficiente, mesmo marcando umhas datas para a recepción das mesmas e activando un foro ou espazo web no que estar máis en contacto.

Eis algunhas fotos da Asemblea e xornada de xogos:


Leave a Reply