VI Encontro Escolar de Xogos Tradicionais: que pasou?

O pasado sábado 2 de xuño celebramos esta importante actividade de promoción e difusión do xogo tradicional, que este ano se levou a cabo na Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada, e nas súas inmediacións.

Este foi un ano complicado, onde confluíron varios factores que, ao noso parecer, afectaron á participación final dos centros educativos galegos. Un deles, sería que centros participantes en anteriores edicións non o fixeron debido ós acordos de non participar en actividades complementarias e extraescolares, tomados nos claustros de numerosos centros educativos, coma medida de rexeitamento ás modificacións establecidas a principios de curso pola Consellería de Educación. Outro factor relevante sería a coincidencia na data coa festa de fin de curso do Programa Voz Natura, á que asisten un grande número de centros de toda Galicia.

A pesar de todo, conseguimos poñer en marcha a iniciativa, un ano máis, esperando aumentar a participación en próximas ocasións. Xogou con nós o alumnado de cinco centros educativos: CEIP Raíña Fabiola e CEIP Vite (Santiago), CEIP Mosteiro de Caaveiro (A Capela), CEIP Esteiro (Ferrol) e CPI de San Sadurniño. Ademais, uniuse o profesorado acompañante, así como pais, nais e diversos familiares.

Todos eles gozaron dunha agradable xornada en torno ó xogo tradicional, que a meteoroloxía lixeiramente adversa non conseguiu deslucir. Polo tanto, ficamos cun sabor agridoce xa que lamentamos non ver máis nenos e nenas sorrindo e gozando como o estiveron a facer os asistentes, xa que somos coñecedores do grande número de centros educativos que están a traballar dende hai anos ó redor do xogo tradicional; nada acadariamos con moitos participantes pero poucos practicantes.

Dende aquí queremos agradecer a todas as persoas e entidades colaboradoras a súa inestimable axuda para que este Encontro se puidera levar a cabo, e esperamos contar con elas na vindeira edición.

As novas aparecidas nos medios dixitais foron as seguintes:

Nova no Faro de Vigo

Nova no Terras de Santiago

Nova en catrogatos.com (revista dixital da Estrada)

Por último, e mentres estamos a preparar un contido audiovisual, podedes ir abrindo boca cos aportes que xa nos fixeron algún dos centros participantes: un audiovisual do CEIP de Vite e unha galería fotográfica feita por membros da ANPA do CPI de San Sadurniño.

Deixa unha resposta