Arquivos mensuais: Maio 2020

Hoxe ven sendo … O Día Internacional do Xogo!

E, coma non, o noso Xogo Tradicional ten que estar presente.

Velaí vai unha pequena composición redactada por Xosé Manuel Barreiro Ínsua quen, ademais de presidente de Brinquedia, é mestre de Lingua Galega (xa veredes como se nota). Agardamos que gostedes dela!

“Nas longas tardes de verán a rapazada da miña aldea tiñamos un lugar de encontro para ilas engulindo,un lugar máxico, o Monte de Carrasido. Un espazo natural de terra dura e ondulada, cuberta por miles de pequenos cantos rodados que o tempo fora pulindo e deixando alí para goce e sufrimmento dos que o habitabamos. Un agasallo máis que a natureza nos ofrece sen pedir nada a cambio, ou si. Eran os que rabuñaban o noso corpo cando este perdía a verticalidade, mais tamén os que nos facían pasar momentos inesquecibles.
Seleccionabamos cinco pequenas pedras e comezabamos o xogo dos pelouros. En solitario, nunca en soidade. Así, agardando a que foran chegando os colegas para convertilo no enredo colectivo que daba paso a outras brincadeiras que enchían a tarde e nos aprendían que xogar non era perder o tempo. Transcurridas as horas e cando o sol se agochaba detrás do Tremuso, nós con el emprendiamos o camiño de volta gardando nos nosos petos esas cinco pedriñas máxicas, cinco leais compañeiras que xa non nos abandonarían o resto do ano e gravarían na memoria colectiva que a infancia é a patria á que sempre queremos regresar.”

Programa da Radio Galega onde se fala de xogo tradicional.

O pasado día 28, o programa “A tarde” da Radio Galega adica parte do seu tempo a falar de xogo tradicional e das iniciativas que se están a poñer neste tempo de confinamento relacionadas con el.

Podedes acceder ao audio desta emisión facendo clic na seguinte imaxe:

Que gocedes do programa!