Arquivos mensuais: Outubro 2019

Convocatoria do Día do Peón 2019

Achegándose xa a data do San Martiño, agardamos que non só treman os porcos polo seu futuro senón que tamén comecen a facelo as rúas e prazas do país baixo o bruar dos peóns.

Chegamos este ano á bonita cifra de 15 edicións convocando esta actividade para pór de relevo a nosa tradición lúdica e cultural, e animamos a toda aquela persoa ou entidade interesada en secundala e promovela a que así o faga.

Podemos xa confirmar que o Acto Central, amparado polo Concello de Outes, desenvolverase na Horta do Muíño a partires das 12:00 h  co seguinte plan de actividades:

  • Decoración de peóns e bailaretes.
  • Demostración dun torneiro.
  • Lanzamento da trompa.
  • Lectura do Manifesto.
  • Lanzamento colectivo.

E para quen queira facer uso do cartaz desta convocatoria, pode descargalo facendo clic na seguinte imaxe:

Xa para rematar, lembravos que no apartado de “Recursos” contades cunha serie de documentos e actividades que vos poden ser de moita utilidade.

Ide remexendo no faiado para rescatar o voso peón!

 

25 anos de andadura dunha entidade socia … E unha proposta interesante.

Ponte … nas ondas! cumpre 25 anos de existenza e de desenvolvemento de variadas actividades.

Entre elas, coma non, atópase o Xogo Tradicional.

Pois ben, entre as súas propostas para este ano atópase a realización de actividades co patrimonio inmaterial galego-portugués para a celebración do Día Internacional do Patrimonio.

Polo tanto, enviamos o convite a participar nesta proposta a través do noso xogo.

Podedes atopar máis información sobre esta e outras iniciativas para este curso escolar facendo clic na seguinte imaxe: