Monthly Archives: Marzo 2018

O Presidente de Brinquedia é entrevistado con motivo do Día Mundial da Radio.

En datas relativamente recentes faciamos chegar información relativa ao Día Mundial da Radio, o cal foi promocionado entre a poboación escolar do país pola Asociación Ponte … nas Ondas!

O alumnado do CPI de San Sadurniño elixiu coma tema a tratar o Xogo Tradicional e, entre outras persoas, entrevistou a Xose Manuel Barreiro, presidente de Brinquedia. Dita entrevista podedes escoitala facendo clic na seguinte imaxe (no caso de teléfonos móbiles, hai que instalar a aplicación de Ivoox):

Así mesmo, o resto de programas realizados polo alumnado deste centro educativo están dispoñibles na súa páxina web:

Agardamos que gocedes deste traballo de promoción e difusión do xogo tradicional!

O XII Encontro Escolar de Xogos Tradicionais realizarase en San Sadurniño

Xa temos data para o evento: sábado 12 de maio. Por que tan cedo con respecto a edicións anteriores? Porque é a que mellor cadra para favorecer a participación e por mor doutros usos xa acordados para a instalación na que se desenvolverá o Encontro.

Non nos queda outra que, dende xa, agradecer ao Concello de San Sadurniño as facilidades prestadas para organizar un evento desta magnitude.

O Encontro, de contar con boas condicións climatolóxicas, desenvolverase na Finca de A Cortiña, unha paraxe de grande beleza ao carón do río Xubia ao seu paso polo concello de San Sadurniño.

En datas vindeiras iremos actualizando o apartado “Encontro Escolar” coa edición deste ano, pero a organización e desenvolvemento da actividade será moi semellante a edicións anteriores.

Así que, xente brincadeira, ide marcando en vermello o 12 de maio!

Día da Educación Física na Rúa.

Que hai máis de rúa que o Xogo Tradicional?

O Consello de Colexios de Licenciados en Educación Física e en Ciencias da Actividade Física e o Deporte promove esta iniciativa, a desenvolver o día 25 de abril, da cal podedes atopar cumprida información facendo clic na seguinte imaxe:

Animamos por tanto ás e ós docentes de Educación Física que traballen o Xogo Tradicional como contido no seu labor didáctico que, de participar nesta iniciativa, saquen o Xogo Tradicional ás prazas e rúas do país, as cales non esquezamos que foron o seu lugar de nacemento!

Axudemos ao alumnado a recoñecer calquera espazo público coma un lugar de ocio, xogo, relación social e crecemento persoal. E se é xogando a Xogos Tradicionais, pois mellor que mellor.