Arquivos mensuais: Maio 2014

Presentación no Encontro Escolar de Xogos Tradicionais da publicación “Xoguetes naturais. Primavera-Verán”

Durante a celebración do VIII Encontro Escolar de Xogos Tradicionais, que como xa saberedes desenvolverase na localidade de Cabreiros (Concello de Xermade, Lugo) o sábado 31 de maio, contaremos co privilexio de realizar unha presentación da última obra de Xosé López González e Jose M. García Fernández: “Xoguetes naturais. Primavera-Verán”, publicado pola editorial Ouvirmos. Podedes atopar máis información sobre esta obra facendo clic na seguinte imaxe:

Xoguetes naturais

O acto de presentación terá lugar pola tarde, e non podemos confirmar de momento a hora do mesmo por estar rematando cuestións organizativas.

E o privilexio será por partida dobre, xa que durante as actividades da mañá estes dous veteráns colaboradores de Brinquedia estarán á fronte do Obradoiro de Construción de Enredos.

Os xogos tradicionais na revista Biblos.

A revista Biblos número 68, de Biblos Clube de Lectura, adica unha das súas páxinas aos xogos e xoguetes tradicionais. Podedes acceder a este número da revista en formato pdf facendo clic na seguinte imaxe.

Biblos

VI Festa de Xogos Tradicionais de XOTRAMU

O vindeiro domingo 1 de xullo celebrarase en Muimenta (Lugo), en horario de 11:00 a 20:00 esta actividade que xa é un fixo no calendario do mundo dos xogos tradicionais.

Agardamos que, ao igual que nas anteriores edicións, continúe o éxito organizativo e de participación.

Xotramu2014