Arquivos mensuais: Agosto 2012

O VI Encontro no programa Cancha Júnior

Xa se atopa dispoñible para a súa visualización o programa número 32 de Cancha Júnior da TVG, onde fixeron unha pequena reportaxe sobre o VI Encontro Escolar de Xogos Tradicionais celebrado este ano en A Estrada.

A reportaxe non é moi longa, dura sobre 1 minuto e comeza no 5′ 53” da reprodución, e soamente aparecen imaxes das actividades da tarde. Pódese visualizar tamén na páxina web de Cancha Júnior.

Brinquedia organizará a Asemblea anual da AEXDT no 2013, dentro dun EUROFESTIVAL

A proposta galega baséase nunha Europa vertebrada polos camiños e na súa confluencia no noso Finis terrae, organizándose para elo un EUROFESTIVAL ó redor do xogo tradicional. O camiño de Santiago, para alén da comunicación xeográfica e da peregrinación espiritual, converteuse nunha canle de comunicación cultural. A súa labor de comunicación e viralidade ten algo a ver co que hoxe serían as redes sociais. Xentes de diversas comunidades culturais compartillaban –co camiño- as tradicións e costumes dos seus pobos.

Así, pois, é doado pensar que o camiño se converteu nunha vía de sentido duplo á hora de levar e traer músicas, contos, xogos, artesanías e outros costumes.

A data prevista será a terceira semana de xuño e a sede estará entre Santiago de Compostela e Ourense, malia se desenvolverán distintas actividades por toda a xeografía galega no decorrer das semanas previas.

O programa deste EUROFESTIVAL contará coas seguintes actividades:

Congreso. Unha xornada divulgativa de curta duración que afonde no xogo de tradición cultural desde unha óptica integradora, ademais de esculcar na análise dos procesos migratorios e a súa influenza na integración de novos xogos de tradición cultural na comunidade receptora. Asemade, terase en conta a importancia/relevancia dos xogos de tradición cultural como vehículo integrador das culturas universais, como elemento de coñecemento e de respecto mutuo.

Asemblea da AEXDT. A asemblea cos representantes dos distintos países membros desta asociación analizará e debaterá a situación actual das entidades socias e do xogo tradicional no marco da Unión Europea.

Encontro escolar de xogos tradicionais. No 2013 terá lugar a 7ª edición deste encontro que Brinquedia ven convocando de xeito anual entre os centros de ensino que se comprometen a traballar no seu currículo o xogo de tradición cultural. Por optimización de recursos económicos e humáns incluiremos esta celebración dentro do programa.

Festival europeo de xogos tradicionais. Cun espazo preferencial para algúns dos principais xogos tradicionais galegos, deseñaranse distintos espazos creando un percorrido polo centro da cidade no que poder descubrir distintos xogos que veñen enchendo o espazo de lecer das xeracións europeas dos séculos pasados. Haberá 4 espazos preferenciais: xogos de puntería, Loitas, Xogos de Billarda, Xogos infantís e de taboleiro.

Actividades nos centros de ensino. Realizaranse actividades de promoción do Eurofestival nos centros de ensino.

Campionatos locais. O Eurofestival patrocinará un trofeo para os campionatos ou ligas dos distintos xogos tradicionais que se celebren nas semanas previas .

Presentacións. Aproveitarase o festival para realizar diversas presentacións relacionadas cos xogos tradicionais, no ámbito académico, deportivo e feiral. Entre estas presentacións xa podemos adiantar que nos atopamos redactando a solicitude que lle faremos chegar ao goberno autonómico, e que desde Brinquedia lle faremos chegar á Administración autonómica para abrir o expediente de declaración BIC do patrimonio lúdico galego.

Asemblea de verán da AEXDT

Na primeira fin de semana de agosto tivo lugar na localidade francesa de Rodez (Aveyron) a Asemblea anual da Asociación Europea de Xogos e Deportes Tradicionais (AEXDT). Escollérase a capital do departamento de L’Aveyron por celebrar o centenario do clube local de Quilles de huit.

Ademais dos campionatos nacionais franceses de Quilles de huit e dunha demostración de xogos tradicionais europeos, onde houbo espazo para 3 modalidades de bolos galegos, debateuse na asemblea sobre a vulnerabilidade das estratexias para a posta en valor dos xogos tradicionais na situación atual de crise.

Por outra parte, refrendouse o acordo tomado no ano anterior de que Galicia –e máis concretamente Brinquedia – Rede galega do xogo tradicional- fora a organizadora deste evento no 2013. Asemade, dentro da orde do día, realizouse unha presentación co proxecto de Euro-festival previsto para o verán do vindeiro ano, ademais de entregarlle a todas as delegacións dos distintos países diverso material de promoción turística da nosa terra, facilitado por Turgalicia e AGADIC.