Monthly Archives: Marzo 2012

Acto de presentación dunha colección de xoguetes africanos

O pasado sábado 17 de Marzo presentouse no CEIP Mosteiro de Caaveiro (A Capela – A Coruña) unha colección de xoguetes africanos, que é propiedade de Cultura Africana (www.culturafricana.com), unha axencia de viaxes ubicada en Madrid. Javier Lago, membro da mesma, cedeu a este colexio de xeito indefinido estes 193 xoguetes únicos, feitos a man por nenas, nenos e adultos africanos. Os materiais empregados na súa construción son a madeira, o arame, o barro, as teas e tamén materiais de refugallo. Os xoguetes non son máis ca o resultado da imaxinación e do enxeño destes habitantes do continente africano.

O acto comezou coa intervención de David López Paz, director da escola, que agradeceu a presencia das 80 persoas asistentes. Despois, Secundino García Mera (director do colexio ata o ano pasado e actualmente xubilado), explicou o papel desenvolvido polo xogo tradicional neste centro escolar desde a súa creación, aló polo 1979 ata principio deste século.

De seguido, Xabier López García, mestre da escola, responsable da colección e do xogo tradicional no colexio, comentou a actualidade lúdica no centro escolar e citou que desde o ano 2003 creouse o Proxecto Brinquedos, un referente no PEC e que procura educar en valores por medio do xogo. Pasou outro audiovisual onde se ve como xogan nos recreos o alumnado deste centro escolar e esgazou a estrutura do Proxecto Brinquedos, indicando que por unha parte consta dun Centro de interpretación de xogos tradicionais (CIXT), e por outra do Museo “Brinco” do xogo e do xoguete.

A colección está formada por pezas de 26 diferentes países (Arxelia, Benin, Burkina Faso, Camerún, Costa de Marfil, Etiopía, Exipto, Gabón, Ghana, Guinea Bissau, Guinea Conakry, Illa Reunión, Kenia, Madagascar, Mali, Marrocos, Mauritania, Níxer, Nixeria, República Centroafricana, República Democrática do Congo, Senegal, Serra Leoa, Tanzania, Togo e Uganda). Está repartida en 20 vitrinas e tamén nas paredes dos corredores. Compóñena barcos, helicópteros, avións, móbiles, motos, bicis, coches, camións, balancíns, bolboretas, bonecas, animais, instrumentos musicais, xogos, armas e ata unha copa dun mundial de fútbol celebrado en África.

Os obxectivos que se perseguen son o de dala a coñecer á comunidade educativa, o de abrila a colectivos africanos, a familias con membros africanos, e o de posibilitar a visita de centros escolares que os visitan cada semana. Pero tamén o de investigar no patrimonio lúdico africano, procurando vivenciar os resultados obtidos da investigación.

Finalmente procedeuse a facer unha visita pola colección, acompañada de música ambiental africana e por último fíxose entrega ás persoas asistentes dunha publicación feita na escola, na que aparecen os xogos que compoñen o CIXT “Brinquedos”.

Os medios que se fixeron eco desta interesante iniciativa foron o xornal El País (ligazón) e o Diario de Ferrol (nova en pdf).

Convite á presentación dunha colección de xoguetes africanos en A Capela

O vindeiro sábado, 17 de Marzo de 2012, ás cinco da tarde, presentarase no CEIP Mosteiro de Caaveiro (A Capela – A Coruña) unha colección de xoguetes africanos. Esta colección  comezou a ser recollida en 1989 e foise completando ano a ano, viaxando por África, ata conseguir hoxendía a maior colección de xoguetes africanos que existe en España.  Pertence a Cultura Africana, axencia de viaxes especializada nese continente. Un dos seus donos, Javi Lago, cédenos esta valiosa mostra para que sexa vista e visitada por alumnado e profesorado de diferentes centros educativos que nos visiten.

A colección está composta por 193 pezas (barcos, helicópteros, avións, móbiles, motos, coches, camións, bonecas, marionetas, xogos, instrumentos musicais, animais, armas …), que veñen de 26 países:: Arxelia, Benin, Burkina Faso, Camerún, Costa de Marfil, Etiopía, Exipto, Gabón, Ghana, Guinea Bissau, Guinea Conakry, Illa Reunión, Kenia, Madagascar, Mali, Marrocos, Mauritania, Níxer, Nixeria, República Centroafricana, República Democrática do Congo, Senegal, Serra Leoa, Tanzania, Togo e Uganda.

Amosa uns xoguetes usados por nenos e nenas africanos e, o que é máis salientable, fabricados por eles mesmos ou coa axuda dos seus pais. Non foron deseñados por un equipo pedagóxico, nin responden aos intereses comerciais de grandes firmas ou ao capricho da moda. Non son máis ca o resultado da imaxinación e do inxenio de nenas e nenos africanos.

Pasará a formar parte do Museo de xogos e de xoguetes “Brinco”, que desde hai dous anos estamos a crear na escola da Capela. Actualmente, na planta baixa temos a sección de xogos e xoguetes tradicionais; na planta alta, a metade estará ocupada por esta colección e na outra metade tentaremos poñer xogos e xoguetes industriais.

Deolinda e os xogos tradicionais

O grupo de música popular portuguesa Deolinda fai unha pequena homenaxe ó xogo tradicional ó incorporalo no vídeo dunha das súas cancións.

Esperamos que gostedes del.