Arquivo da categoría: novas

Día do Peón 2021

Outro ano máis, e coma xeito de achegarnos a unha certa normalidade, dende Brinquedia Rede Galega do Xogo Tradicional volvemos lanzar a convocatoria de celebración do Día do Peón.

Boas novas supuxeron hoxe a relaxación de certas medidas nas nosas escolas que favorecen a posibilidade de realizar actividades deste tipo. Iso si, respectando en todo momento as consideracións recollidas no pertinente protocolo.

Polo tanto achegámosvos tanto o cartaz desta edición coma o Manifesto, os cales podedes descargalos facendo clic nas seguintes imaxes:

E lembrade que, no apartado de “Recursos” desta páxina web, poderedes atopar diferentes actividades relacionadas con este evento.

Xa só nos queda pedirvos que remexades nos caixóns onde teñades recollidos os vosos peóns e piolas, porque en nada … Hai que darlles uso!

IV PREMIO GARABATO Á CONSERVACIÓN DO PATRIMONIO

O mundo do patrimonio lúdico está de noraboa. O 11 de setembro desde 2021 un dos seus membros, a Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional (AGXPT) recibe en Palas de Rei o premio Garabato á conservación do patrimonio.

Un premio instituído por tres asociacións e que vén a recoñecer toda unha traxectoria a prol do noso patrimonio lúdico (máis información facendo clic na seguinte imaxe).

Dende Brinquedia queremos transmitir a ledicia que este recoñecemento produce, mais tamén o orgullo dos soños compartidos.

Parabéns e mil primaveras máis para os nosos xogos tradicionais.

No concello de Pol xa non haberá escusa para non practicar os nosos xogos

Neste municipio lucense o Xogo Tradicional será un dos protagonistas na área deportiva e de lecer que está a promover o Concello.

Habilitaranse espazos e dotarase de material para a práctica de varias modalidades, como podedes observar nas seguintes imaxes:

Non nos queda máis que aplaudir esta iniciativa de posta en valor do noso xogo, e agardamos que con este exemplo ou de San Sadurniño, outros concellos desenvolvan proxectos semellantes.